Saturday 20 de April de 2024

A Laracha será sede o domingo da xuntanza preminibasket de ámbito autonómico


Daranse cita no pavillón Municipal 250 xogadores das seleccións zonais galegas masculinas e femininas.A Laracha será este domingo a sede única da Xuntanza Preminibasket masculina e feminina de ámbito autonómico que organizan a Federación Galega de Baloncesto e o Club Baloncesto Laracha coa colaboración do Concello.

O evento foi presentado hoxe no Concello co tenente alcalde -José Ramón Martínez Barbeito-, a concelleira de Deportes -Patricia Bello- e o técnico de Deportes -Miguel Barbeito- como representantes municipais, o Vicepresidente Primeiro da Federación -José Manuel Villamarín- e o presidente -Eliseo Belo- e director deportivo -Sito Cabado- do C.B. Laracha.

A xornada vaise desenvolver integramente no pavillón Municipal da Laracha e consiste nunha xornada lúdica e deportiva destinada ao seguimento, control, tecnificación e competición dos mellores xogadores e xogadoras da categoría de toda Galicia.

Daranse cita na Laracha 250 nenos nados nos anos 2012 e 2013 que conforman tanto as seleccións galegas masculina e feminina da categoría como as seleccións de cada unha das delegacións xeográficas zonais: A Coruña, Arousa, Ferrol, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo.

O polideportivo será dividido en tres pistas de xogo para acoller a actividade ao longo de toda a xornada. Pola mañá centraranse nos adestramentos, aprendizaxe e avaliación técnica e, pola tarde, nos partidos que permitirán comprobar como se desenvolven os nenos en competición.

José Ramón Martínez Barbeito considera que organizar un evento destas características “é positivo para A Laracha, tanto polo volume de persoas que se darán cita o domingo como pola promoción do deporte entre os máis cativos”. Por iso agradeceu que a Federación pensase na Laracha para acoller a cita e o traballo organizativo do C.B. Laracha, co desexo de que “as persoas que asistan poidan coñecer e desfrutar do noso municipio”.

José Manuel Villamarín comezou agradecendo “o fundamental apoio do Concello e do club” para organizar un dos eventos máis importantes do ano para o baloncesto galego de base. Tamén incidiu en que estamos ante a oportunidade de “ver como compiten e progresan os mellores xogadores e xogadoras galegos da categoría que o ano que vén poden formar parte das seleccións que irán a campionatos de España”.

Por último, Sito Cabado referiuse ao evento como “un gran escaparate para o C.B. Laracha”, afirmando que “acollemos con moito gusto a iniciativa que axudará a seguir fomentando o deporte do baloncesto”.